3º ESO
O centro do labirinto,Agustín Fernández Paz
"Para min, é un libro moi bo.
Moi ben narrado, sen perda de detalle, e que transmite cousas, entre elas, moitos valores.
O que máis me fascinou do libro foi a "indirecta" que o autor nos quere facer chegar.Quere que nos deamos conta de que estamos a acabar co planeta, e non só con iso ,senón que tamén coa única cousa que nos caracteriza e nos pertence a unha comunidade: a nosa fala, a nosa cultura, a nosa orixe.
E iso é triste.Iso non pode pasar. Non se pode esquecer quen somos, de onde vimos porque se non non saberemos nunca a onde nos diriximos.
Considero que Agustín Fernández Paz é un escritor único. Un autor que soubo transmitir unha mensaxe no medio dunha historia ficticia e iso para min é bastante complexo. Sobre todo a idea de que o galego non se pode perder.
A min indígname que a xente que non quere o galego queira acabar con el.Penso que non o debemos permitir nunca.Iso tamén influíu en que me gustara tanto o libro."
Lucía Dopico
"A miña opinión sobre o libro é , en xeral, boa. Penso que a historia está interesante, dá moitos xiros inesperados e é todo moi entretido; pero tamén hai partes nas que se alonga demasiado a historia, é dicir, desde o meu punto de vista hai moitas reviravoltas que non son necesarias, ou ben se podían acurtar para facer máis cómoda a lectura.Tamén penso que en certas partes do libro non sabía que quería poñer, é dicir, sabía o que quería que pasase pero non expresalo en palabras.
Deixando iso de lado, o que máis me gustou do libro son as reflexións que fai respecto ás linguas e á natureza; parecéronme moi interesantes, excepto a metáfora o centro do labirinto, xa que nun labirinto non é necesario chegar ao centro, e aínda que chegues ao centro, terías que seguir ata a saída.Entendo a metáfora, pero non ten sentido."
Erika Trashorras Pérez
"Pareceume moi bo libro xa que fai unha crítica da sociedade que obedece a xente poderosa sen importar o que diga igual que pasa coas Leis da Unificación.
Tamén me gustou como critica que a sociedade exclúe ao diferente como fixeron as comunidades de robinsóns.
Gustoume tamén como fixo que David e Brenda se leven fatal e despois se namoren.
Non me gustou ao comezo cando falan coma se xa souberas a historia.
En resumo, par min é moi bo libro.Póñolle unha nota de 9/10."
Daniel Milares Goy
"Esta novela de Agustín Fernández Paz pareceume marabillosa.Encántame como defende as linguas, concretamente o galego, e fai unha clara descrición da situación actual en canto ao medio ambiente.
No que se refire aos personaxes o meu favorito é David.Síntome identificado con el nalgúns aspectos, por exemplo, cando ao principio se deixou levar polas súas emocións e se pon a esquivar as árbores co seu aeromóbil a pesar de de que pode ser perigoso.
Un dos personaxes que me provoca odio é Walter.Non me gusta que pareza amigo de Sara e despois incluso a queira matar a través de Frida.
A pesar diso recomendo este libro para xente da miña idade porque con el pódense aprender moitas cousas interesantes e reflexionar sobre moitos aspectos como a evolución da tecnoloxía e a ciencia e a disconformidade de moita xente que prefire seguir vivindo sen tantos avances e comodidades.
Encantoume o desenvolvemento da historia porque me gustan os libros de misterio e investigación.O final tamén foi bonito a pesar de que Sara decidiu marchar a Berlín sen o seu fillo.
Ler o libro foi unha experiencia magnífica e ,sen lugar a dúbidas, recoméndoo moito."
Antonio Castro Freire
Anagnórise,María Victoria Moreno
"Sinto que é un libro un tanto confuso.Ás veces, léndoo non daba conectado onde estaba porque cambiaba moito e mesturaba soños con realidade sen nada que os conectara.Escápanseme detalles en todo momento, sinto que está inconcluso, non sei que pasou coa súa "amizade" con Marcos, tampouco sei quen era ese home que no enterro lle dixo "agarda por nós"...
Ademais cataloga o libro como un de romance e non consigo ver o romance porque o único momento romántico do libro é cando Natalia e Nicolau se encontran .E é nun enterro."
María Díaz Cando
"Este é un libro para reflexionar, que non todo é como o vemos nós, que co paso dos anos o mundo vese doutra maneira, a vida é máis importante.Que as persoas que tachas de vellas, incultas ou incapaces son aquelas persoas que máis ensinanzas che ofrecen.Que quizais os nosos pensamentos ocultos, o mundo no que non queremos que ninguén entre é tan invisible ou impenetrable para os demais.
Tamén me parece importante a diferenza de estar só e sentirse só.Nicolau podía estar rodeado de xente e mais sentirse só, sen ninguén a quen acudir, sen Natalia ao seu carón, coa simple lembranza do mal amigo Marcos chamándolle "Maricallas".
Todo isto fixo que me gustase o libro, dalgunha maneira lémbrame ao mito da caverna.Nós cremos que a nosa realidade é para todos a mesma, pero non sempre é así."
Gabriela Díaz Ferreiro
"Este libro gustoume moito.Pareceume moi interesante o feito de ser a historia dun adolescente que non ten claro o seu rumbo nin cara a onde quere que a súa vida se dirixa, como lles ocorre a moitos.
Pareceume moi entretido que tomase aquelas decisións sen pensalo moito e tamén o feito de como a súa idea cara ás mulleres foi cambiando a medida que coñecía a aquela señora que parou no autostop.
Creo que o libro ten moitos aspectos diferentes, o amor, a droga, a pena... e isto fai que sexa moi divertida a súa lectura.
O único que non me gustou foi como remata a historia, xa que me deu moita pena que cando por fin Nicolau se encariña con Xulia, ocorra esa tráxica desgraza que os separa."
Carla Reija Torrón
"A min este libro gustoume moito xa que me pareceu unha historia moi realista,como é que un mozo estea sufrindo na súa casa e decida marchar a outro lugar e deixe todo atrás.Tamén me gusta moito a personaxe de Xulia xa que é unha muller sen medos, valente e ten unha gran habilidade para fixarse ben nos pequenos detalles, cousa que é moi importante na vida.
Tamén me gustou moito que Nicolau durante o traxecto desta viaxe grazas a Xulia resolva todos eses conflitos internos que el ten, e entenda cara a onde quere levar a súa vida.
Unha cousa que tamén me pareceu moi boa do libro foi que nel se diga e mostre que porque unha persoa sexa muller non ten por que conducir peor, simplemente que a moitas delas se lles dá menos oportunidades que aos homes.
Unha cousa que non me gustou do libro foi que ao final no enterro de Xulia, cando Nicolau se reencontra con Natalia non conte o que acontece despois.
Pero , en xeral, o libro encantoume ; pareceume moi bonito e que che ensina moitas cousas necesarias na vida.
Polo tanto, recomendaríallo ler a todo o mundo."
Cristina Lago Penín
domingo, 2 de xaneiro de 2022
Opinións sobre os libros de lectura de lingua galega 1ª avaliación
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario